O intenso temporal de choiva e vento rexistrado esta madrugada provocou graves danos na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla. En plena marea alta, a forte intensidade das ondas que se produciron arredor das dúas da madrugada provocaron o desprendemento das pedras do dique que protexía o edificio que, literalmente, “saíron voando”, tal e como explicou o director da ECIMAT, Ricardo Beiras, que cualificou os danos como “moi graves”.
Paredes cara ao mar da planta baixa reventadas e equipamentos destruídos, sala de bombas inundada, afectando ao sistema eléctrico e de bombeo e unha sección do pantalán arrancanda, conforman un primeiro balance de desperfectos. Ao longo de toda a mañá os esforzos do persoal da ECIMAT centráronse en transportar todos os experimentos que se puideron á planta alta.
17/02/2011