Prato típico da cociña galega e manxar cobizado polos mellores padais, a lamprea é a materia prima coa que traballa o grupo Neurolam, nome co que se coñece o Laboratorio de Bioloxía Celular da Facultade de Bioloxía, onde oito investigadores utilizan este peixe como material experimental para coñecer o desenvolvemento e organización do sistema nervioso central dos vertebrados. A descrición dos circuítos básicos equivalentes aos que nos humanos provocan a enfermidade de Párkinson é un dos exemplos que mellor reflicte algún dos froitos das súas investigacións.
O grupo formouse como tal no ano 2000, dende aquela foron traballando, conseguindo proxectos e ampliándose cada vez máis, non só en instalacións e equipamento, senón tamén en compoñentes. Ao fronte está o profesor Manuel Ángel Pombal, que pese a nacer no concello de Oia, moi preto da desembocadura do Miño, non coñeceu este peixe ata licenciarse, cando, case por azar, empezou a traballar con esta especie.
24/04/2008