Por segunda vez na súa historia, o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo, órgano de representación da sociedade na institución académica, saíu do seu habitual ámbito universitario para celebrarse no Polígono de San Cibrao das Viñas, en Ourense, que o pasado ano celebrou medio século de historia. Neste último pleno do ano, a entidade, entre outras moitas cuestións, aprobou por unanimidade os orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2017, que ascenden a 165.325.488 euros, un 2,95% máis que o exercicio anterior. “Somos unha Universidade saneada, coas contas equilibradas, sen débeda e sen déficit”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, sobre estes orzamentos. O reitor e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, coincidiron en salientar a “boa saúde económica” da institución académica e “o esforzo feito pola comunidade universitaria”.
27/12/2016