As paredes do Politécnico acollen, ata o 7 de decembro, unha nova exposición enmarcada dentro do Outono Fotográfico. Próxima Estación: Calcuta é unha iniciativa de Global Humanitaria que pretende dar a coñecer a realidade de moitas familias na India que viven nas súas chabolas ao carón das vías do tren. “ A idea xurdiu cando viaxamos alí para cooperar. Atopeime con que a xente vivía nesta precaria situación. Lavan, cociñan e fan a súa vida cotiá nas vías ata que pasa o tren, entón apártanse e continúan coma se nada” explicou Juan Díaz, autor das fotografías e traballador da ONG, aos congregados na inauguración. Atopábanse entre eles representantes das entidades colaboradoras coma o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, o vicerreitor da Universidade, Juan Francisco Gálvez, o presidente de asociación Anacos da Cidade, Miguel Doval ou o director da Casa da Xuventude, Benito Losada.
20/11/2007