Coincidindo co terceiro aniversario da súa chegada á Reitoría, Alberto Gago fai balance deste período que cualifica de “duro en xeral”, pero tamén gratificante en investigación e transferencia “que neste período buliu con resultados óptimos”. O reitor que destaca o traballo “ímprobo” desenvolvido en todas as instancias da Universidade para adaptarse ao EEES, tamén critica a falta de apoio por parte dos gobernos, “non tivemos ningún apoio económico, pero o que é peor, non tivemos ningún apoio político”, asegura.
Gago que solicita coherencia ao novo goberno autonómico en relación co grao en Empresariais, alerta sobre o futuro do Plan de Financiamento e afirma que “non se pode reformar o sistema universitario, abrir o mapa de titulacións e multiplicar as patentes a custo cero”. Mantendo unha firme aposta polo agrupamento de grupos de investigación e pola transferencia, o reitor da Universidade de Vigo, lonxe de amosarse preocupado ante a posibilidade de que se reduza o número de matriculados, afirma que se daría “por satisfeito” se esta circunstancia permite facer unha boa implantación dos títulos adaptados ao EEES, traballar en grupos reducidos ou titorizar ao máximo número de estudantes.
18/05/2009