Na profundidade dos océanos atópanse respostas a moitos dos retos que a humanidade ten por diante. Un dos máis preocupantes a curto prazo é o cambio climático, que pode mudar as condicións de vida do planeta. A través do estudo de alteracións no clima no pasado pódense atopar as claves para comprender, e incluso atallar, os problemas de quecemento global do planeta. Isto é o que se propón a expedición 339 do IODP, comandada polo profesor da Universidade de Vigo Javier Hernández-Molina e polo da Heriot Watt University, Dorrik A.V. Stow, investigadores de prestixio internacional na exploración mariña profunda. O 17 de novembro partirán cara ao Golfo de Cádiz e o oeste de Portugal no buque de perforación e investigación máis sofisticado do mundo, o JOIDES Resolution, para embarcarse nunha das expedicións máis ambiciosas dos últimos anos.
09/11/2011