Haberá que agardar ata o 24 de novembro, data de celebración do Debut 2011, para ver a proposta coa que o alumno de 1º curso de Esdemga Rodrigo Pintos gañou o concurso de ideas para deseñar un bolso para a firma Purificación García. O deseño de este pontevedrés de 25 anos que cursou en Barcelona estudos de deseño gráfico, impúxose aos dos 15 compañeiros e compañeiras que xunto a el participaron no concurso que ten como obxectivo que o estudantado coñeza o proceso de produción e comercialización dun accesorio. “O equilibrio entre os deseños propios de Purificación García e algo novo, penso que foi o que se lles gustou”, sinala Rodrigo Pintos que se inspirou na obra do artista inglés David Hockney, The bigger splash, aínda que cunha achega gráfica propia “con aves exóticas como flamencos e un espírito elegante e divertido”.
23/09/2011