A taekwondista Mª Rebeca Mariño e o atleta Gustavo Nieves convertéronse esta tarde nos primeiros estudantes en recibir o Premio á excelencia deportiva da Universidade de Vigo en recoñecemento á súa brillante traxectoria académica e deportiva. Recolleron o galardón na XVIII Gala do Deporte, unha festa que contou coa asistencia do reitor, Alberto Gago, e coa que a Universidade premiou “o esforzo dos estudantes que practican deporte, en moitos casos de elite,e ademais progresan nos seus estudos”, tal como salientou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza.
Xunto a Mariño e Nieves, que foron premiados con cadanseu ordenador portátil, destacouse tamén a excelente carreira deportiva dos outros catro candidatos: as taekwondistas, Nazareth Tilve e Nerea Alamancos, o tamén taekwondista Fernando Rascado e o xogador de volei praia Diego Mahia.
21/05/2009