No seu camiño cara á cooperación internacional e ao recoñecemento da investigación sobre integración europea, a Universidade de Vigo conta na actualidade cun Centro de Excelencia, unha cátedra e once módulos europeos Jean Monnet. Dentro do programa comunitario da Unión Europea Jean Monnet, “os Centros de Excelencia, como é o caso de Vigo, único en Galicia, agrupan e coordinan recursos científicos, humanos e documentais relacionados co estudo e a investigación sobre a Unión Europea, dando visibilidade ao desenvolvemento do proceso desta”, explica Luís Domínguez, director do Centro de Excelencia Europeo da Universidade de Vigo e coordinador da Cátedra Jean Monnet. Precisamente, coa finalidade de realizar o seguimento do centro, a Universidade de Vigo ven de recibir a visita de María Victoria Yturriaga, representante da Axencia Executiva Europea de Educación, Audiovisual e Cultura.
22/06/2009