En plena era dixital, con multiplicidade de medios de información e novas tecnoloxías, segue habendo moitas linguas que carecen do soporte técnico preciso para asegurar a súa supervivencia. É dicir, adoecen de ferramentas como a tradución automática, a interacción coa voz e os recursos lingüísticos e iso pon en perigo de extinción dixital a 21 destes idiomas. Estas son as conclusións dun estudo elaborado por Meta-Net, unha rede europea de excelencia, da que forma parte o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo. Para este traballo, preto de 200 expertos en tecnoloxías lingüísticas, analizaron o nivel de soporte co que contan 30 das 80 linguas europeas. A análise amosa que 21 idiomas están nunha situación de perigo, cun apoio dixital “inexistente” ou “débil”, o galego entre eles.
26/09/2012