A pouco máis dunha semana para a súa presentación oficial, o Campus do Mar segue sumando apoios “estratéxicos”, tal como salientou o reitor Alberto Gago, tras a sinatura dos acordos de adhesión coas universidades do Norte de Portugal, ás que se referiu como unha parte fundamental do “núcleo duro da proposta”, onde incluíu as sete universidades –catro portuguesas e as tres galegas-, o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía.
Se ben este martes asinaron o acordo de adhesión ao proxecto a Universidade de Minho e a de Trás-os-Montes e Alto Douro, tamén acudiron a este acto representantes das universidades do Porto e Aveiro que, pese a que xa oficializaran o acordo semanas atrás, quixeron subliñar así a forte implicación da comunidade universitaria portuguesa co proxecto, xa que “de conxugar ben as cousas será unha oportunidade única para ambos países”, subliñou Carlos de Pascoal Neto, vicerreitor de Investigaçao da Universidade de Aveiro.
18/05/2010