Emprender vai moito máis alá de pór en marcha novas iniciativas empresariais. Emprender significa innovar e supón tamén a busca dunha mellora constante daquilo que cada empresa fai. Estas son só algunhas das ideas que se transmitiron este martes no XXII Seminario de Loxística, unha actividade organizada polo Grupo de Enxeñaría de Organización, GIO, da Escola de Enxeñaría Industrial; o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, e a Fundación Empresa Universidade Galega, Feuga, ao abeiro do Día do Emprendedor de Galicia, que se celebrou este martes no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela e ao que asistiu o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
“En Loxística tamén hai que emprender e, por suposto, aprender”, subliñou o catedrático José Carlos Prado, director de GIO, que afondou na necesidade de “tentar sempre investigar novos métodos, novas técnicas... pois só así se poden facer cousas distintas”.
28/05/2013