Co comezo do novo curso volve unha cita ineludible para todos os amantes da natureza, o deporte e o patrimonio: as Rutas Culturais. En vista do seu éxito, ano tras ano o Servizo de Deportes organiza diferentes itinerarios a pé polos lugares máis senlleiros de Galicia, conxugando o sendeirismo co coñecemento cultural e histórico da contorna. Nesta ocasión, a programación consta de 11 saídas diferentes das que a maioría se desenvolven na provincia de Ourense e que inclúen ademais dúas novidades: a ruta Currosiana e a de Aciveiro-Candán. Pero serán as termas ourensás as que o día 18 de outubro inauguren a oferta de visitas, que ata maio percorrerán Pena Corneira, o Mosteiro de San Pedro de Rocas, a zona do Ribeiro, a Serra do Xurés, a Ribeira Sacra, os Canóns do Sil, Montederramo e O Íncio.
03/10/2008