Promover actuacións culturais, educativas e deportivas no campus de Ourense que beneficien tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral, é o principal obxectivo do convenio de colaboración que asinaron este xoves Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo e José Luis Baltar, presidente da Deputación Provincial. A través deste acordo o campus recibirá da institución provincial 311.000 euros que se dedicarán a actividades de difusión cultural, mobilidade estudantil e investigación, a realizar durante o ano 2009.
Esta colaboración entre Universidade de Vigo e Deputación, que se ven producindo dende hai anos, foi posta de manifesto polo reitor Alberto Gago que afirmou que a Deputación “é un aliado preferente, xa que confía en nós, na nosa capacidade formativa e na posibilidade de que o campus funcione tamén como un elemento de dinamización, mobilización e innovación na provincia”.
26/03/2009