Emprender un proxecto empresarial propio é unha decisión que require coñecementos, recursos, valentía e toda a axuda posible para desenvolverse nun marco económico adverso coma o actual. Conscientes desta situación, a Cátedra Bancaja da Universidade de Vigo vén de convocar o 2º Premio Bancaja Xoves Emprendedor@s. “Sabemos que na Universidade se crea coñecemento e que moi habitualmente ese coñecemento ten potencialidades para se converter en novos negocios, en novas empresas. Con este galardón queremos contribuír a que estes negocios se concreticen, ou cando menos, queremos apoiar aos membros da comunidade universitaria que desenvolven novas propostas empresariais”, salienta Ana Gueimonde, directora desta Cátedra Bancaja. Como referente para os novos emprendedores, Nanoimmunotech, empresa de éxito gañadora da anterior edición.
09/05/2011