É un dos centros de investigación máis importantes do mundo, con científicos de máis de 220 institucións entre o seu persoal, entre eles da Universidade de Vigo. Agora a institución viguesa ampliará esa colaboración coa sinatura dun convenio co European Organization for Nuclear Research, o CERN, para dar un paso máis no avance tecnolóxico e construír un prototipo do que será o primeiro acelerador compacto de partículas de terceira xeración, de menor tamaño, máis barato e que permita un importante aforro enerxético. Trátase de demostrar de xeito experimental que a teoría do Compact Linear Collider (CLIC) pode levarse á práctica. “O CERN non está parado, ten que estar sempre deseñando novas tecnoloxías pensando no que vai pasar dentro de algúns anos”, explicou Steinar Stapnes, responsable do proxecto no CERN.
21/12/2011