Dentro do Protocolo de Kyoto, a Unión Europea comprometeuse a reducir, globalmente, as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 8%, respecto aos niveis de 1990 para o período 2008-2012. Para acadar este obxectivo unha das medidas tomadas foi a creación do mercado europeo de dereitos de emisión, que regule o que contamina cada empresa. Para estudar este mercado, o seu funcionamento e as súas expectativas, a Universidade organizou este venres unha xuntanza na que tomaron parte os investigadores máis relevantes que traballan neste campo. Segundo o profesor organizador, Miguel Rodríguez, “tratamos de afondar nas súas repercusións sobre a economía no seu conxunto e nos sectores implicados en particular”. A gran novidade desta análise reside en que os investigadores contan con datos reais de cada empresa en particular e “mediante datos micro poderemos estudar os efectos deste mercado regulado”, subliña Rodríguez.
16/11/2007