“En relación ao ano pasado tivemos un aumento importante con respecto non só da cantidade, que tamén, senón o que é máis importante, da calidade das empresas que estes días están intentando orientar aos nosos estudantes de cara ao seu futuro laboral”. Así definiu o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, a oitava edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, que este mércores se inaugurou oficialmente no vestíbulo da ETS de Enxeñeiros de Minas.
Conseguir información das principais empresas do sector e establecer unha primeira toma de contacto con elas. Este é o principal obxectivo dos numerosos estudantes que se achegan aos stands, acuden a conferencias, workshops ou mesmo a un pequeno almorzo organizado cos representantes das empresas. Son, sobre todo, estudantes dos dous últimos cursos das enxeñerías, pero tamén moitos alumnos pendentes do proxecto fin de carreira e que buscan unha empresa que se adapte aos seus obxectivos, ou recén titulados ávidos dun primeiro emprego.
09/04/2008