Eran as 12.10 h, hora española, do 13 de febreiro de 2012 cando o XaTcobeo saíu ao espazo. Dúas horas despois comezaba a emitir un sinal que aínda hoxe, un ano despois, segue informando de que o picosatélite permanece operativo. Isto é moito máis do que se agardaba do primeiro CubeSat 1U construído por unha universidade europea cos estándares da Axencia Espacial Europea. O grupo de traballo multidisciplinar que participa neste proxecto falaba de entre tres e seis meses de vida útil, pero o XaTcobeo continúa dando alegrías sendo un dos dous superviventes de entre os sete picosatélites postos en órbita pola lanzadeira Vega. O equipo, inicialmente composto por 60 alumnos e alumnas e 32 investigadores das escolas de enxeñería de Telecomunicación, Informática e Industriais, recolle agora os froitos de cinco anos de traballo previo e un de seguimento en terra.
08/02/2013