Das aulas de Secundaria, onde iniciou a súa actividade docente, deu o salto, na década de 1990, ás da Universidade, primeiro en Maxisterio e posteriormente na Facultade de Ciencias da Educación, onde actualmente exerce como profesor titular de Didácticas das Ciencias Experimentais. Sumados son máis de trinta os anos de actividade docente que acumula este licenciado en Bioloxía e doutor pola Universidade de Santiago, orixinario do municipio lucense de Riotorto onde naceu o 6 de xaneiro de 1953.
Editor da Revista Electrónica de Enseñanza de las Ciencias e da editorial Educación Editora, o ámbito educativo centra as súas investigacións, entre as que tamén figuran traballos dedicados á bioloxía animal e ecoloxía dos ríos. Autor de varios libros e numerosos artigos, Pedro Membiela compaxina a súa actividade docente, desde hai case dous anos coas responsabilidades de vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, unha área encargada de actividades como o Programa de Formación Permanente de Profesorado da Universidade de Vigo, os Títulos Propios de Posgrao, o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP) e o Programa para Maiores.
21/02/2008