A pequena localidade ourensá de Laias é desde este luns o centro dunha cita de referencia científica internacional, o 2nd International Congress on Analytical Proteomics. O evento reúne a preto de 260 investigadores de 35 países para analizar os últimos avances en proteómica, o estudo a grande escala da estrutura e función das proteínas, fundamental para avanzar no coñecemento, diagnose e tratamento de moitas enfermidades, coma o cancro. Entre os asistentes están os responsables dos centros de investigación máis punteiros no eido internacional en biomedicina, procedentes de países como Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Suecia, Brasil ou China. Do 18 ao 20 de xullo, todos eles intentarán pór en común os progresos científicos e tecnolóxicos neste campo, intercambiar coñecementos e inquedanzas e establecer canles de comunicación fluídas.
18/07/2011