Responde a unha demanda interna da comunidade universitaria e sitúa á Universidade nun privilexiado punto de partida nunha sociedade que xa ten asumida a relevancia destas comunidades virtuais. A rede social da Universidade de Vigo, presentada este xoves, nace xa co mérito de ser a primeira de carácter aberto que existe no sistema universitario español e segundo explicou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, “permite establecer unha estrutura de relacións non só dentro da comunidade universitaria, senón cos futuros estudantes, co tecido empresarial, cos egresados, cos pais... é un factor de cohexión social”. Detrás deste proxecto está o profesor Carlos López Ardao, responsable do Laboratorio de Redes e un dos creadores da spin-off SocialWire Labs, que se encargou do seu desenvolvemento. Segundo apunta, o das redes sociais é un “movemento social cunha potencia espectacular en todo o mundo e ten que ter cabida na Universidade”.
06/05/2010