A pesares da crise, da redución de convocatorias e dos “dramáticos recortes” nas axudas públicas, a Universidade de Vigo captou en 2012 máis de 24 millóns de euros procedentes do I+D, o que supón un 5,21% máis que no ano anterior. Destaca o incremento do 365% respecto ao exercicio anterior na captación de fondos de proxectos de investigación da comunidade autónoma, cun total 5.728.210 euros en 2012, e do 352% en proxectos institucionais de I+D, que suman 5.465.889 euros. O reitor, Salustiano Mato, salientou que estes datos responden a unha acertada aposta polas agrupacións estratéxicas e polos proxectos institucionais, lideradados pola propia Universidade. As cifras reflicten tamén que se crearon 618 postos de traballo dependentes da I+D, puxéronse en marcha 31 iniciativas emprendedoras e tramitáronse 17 patentes nacionais e 6 internacionais.
05/04/2013