Podemos aterrar en Vigo, Nova York, Bangladesh ou Pretoria e, pese á distancia e ás diferenzas culturais, os sinais que guían os pasaxeiros ata a saída non son moi distintos. A aposta para que se empregara unha tipografía universal, neutral e funcional está practicamente gañada. E é que, segundo expón Marcos Dopico na súa tese de doutoramento, cualificada con sobresaínte cum laude e dirixida por Sol Alonso e Anna Calvera, na última década o deseño mudou a súa sensibilidade e o expoñente máis claro deste feito é a tipografía. O traballo de Dopico é unha aproximación a un período que abrangue desde finais da década dos 90 ata os primeiros anos do século XXI. Un tempo no que se aprecia “un cambio de sensibilidade”, sinala Dopico. Nesta nova viraxe, o deseño mira ao pasado, a manifestacións da postmodernidade, ás vangardas históricas ou primeiras expresións do século XIX que dan como resultado un “feixe de revivals”.
18/11/2009