Rosa Lama, alumna de quinto de Dereito do campus de Ourense levará o nome da Universidade de Vigo por Europa adiante na VII Edición do Programa de Mozos Líderes Iberoamericanos que promove a Fundación Carolina, en colaboración coa Fundación Rafael del Pino e o Banco Santander, e na que estarán presentes os 60 mellores licenciados de Iberoamérica. Cun expediente académico de 3.38 de media, a estudante foi seleccionada entre os 10 mellores candidatos de España e compartirá con 48 americanos e dous portugueses a experiencia de tres semanas de inmersión na realidade española e europea. O obxectivo que persegue o programa non é outro que formar aos líderes do futuro, potenciando as súas cualidades, favorecendo a creación de lazos entre eles e brindándolles un maior e mellor coñecemento do panorama político, empresarial e cultural actual.
A representante ourensá estaba a preparar os derradeiros exames da carreira cando recibiu un email coa noticia. “Non quixen pensar moito no tema no momento porque tiña unha proba ao día seguinte”, comentou Rosa Lama, “e non quero descentrarme porque agora teño a dobre presión de aprobar todo en xuño, requisito indispensable para a bolsa”.
03/06/2008