No momento en que se cumpren 50 anos da institución do Día das Letras Galegas, a Universidade de Vigo amosou á Real Academia Galega o seu compromiso “claro e inequívoco” co idioma galego, coa súa progresiva normalización nos ámbitos de docencia, xestión, investigación e transferencia de coñecemento. Fíxoo no marco da sinatura dun convenio de cooperación entre as dúas institucións e un convenio específico “onde se concretan unha serie da accións conxuntas, de beneficio mutuo, e esperamos que de futuro e interesante impacto social”, subliñou Salustiano Mato. Ao seu carón o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, reivindicou o papel de Vigo e da súa Universidade, á que se referiu como “un espazo da ciencia e de coñecemento, do saber e, por tanto, da liberdade”.
08/06/2012