A Universidade de Vigo será a primeira de Galicia en aplicar un modelo de contrato programa coas súas escolas e facultades no que a través da avaliación dunha serie de indicadores encadrados en obxectivos como docencia, investigación, transferencia, adaptación a outras demandas sociais, proxección internacional e xestión, determinarase o financiamento dos centros. A medida que foi aprobada o pasado mes de decembro polo Consello de Goberno, aplicarase de inmediato e xa quedará reflectido nos orzamentos da institución académica do ano 2013. “Trátase de estender a cultura do esforzo, do mérito e da capacidade a toda a comunidade universitaria”, asegurou o reitor, Salustiano Mato, no acto público de presentación do modelo que o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro cualificou como “un salto cualitativo”.
30/05/2012