Catalán, eúscaro, asturiano e, sobre todo, español; pero tamén sardo ou bretón, italiano, alemán, inglés e mesmo ucraíno e ruso. As profesoras da Facultade de Filoloxía e Tradución, Ana Luna e Iolanda Galanes mergúllanse, unha década despois do pasamento de Carlos Casares, na estreita relación que mantivo o autor, unha das figuras fundamentais das letras galegas contemporáneas, co mundo da tradución, “un labor silandeiro que o acompañou toda a súa vida”. Grazas a unha estreita colaboración do grupo de investigación BITRAGA coa Fundación Carlos Casares, que está a prestar todo o seu apoio ao equipo de traballo da Universidade, levan meses pescudando no Arquivo Persoal de Carlos Casares e a colleita deste labor non tardou en agromar, entre outros achados, revelan que o autor chegou a preparar cando menos dúas versións íntegras en español e mesmo aumentadas de Vento ferido.
04/09/2013