Internacional e multidisciplinar. Así se presenta a XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, que levanta o pano o día 1 de abril e que durante 15 días converterá a esta cidade no escenario do mellor teatro. Haberá compañías universitarias pero tamén profesionais, grupos estatais pero tamén foráneos, teatro pero tamén formación, música, documentais, premios e conversas. A MITEU deste ano aspira, a pesares da crise, a seguir consolidándose como unha mostra de referencia grazas a un amplo programa de actividades que transformará, ata o vindeiro 15 de abril, a Ourense nunha cidade de teatro. A primeira cita, o día 1 de abril coa representación das obras O teatro... Onde?, do Grupo Rosaura da Aula de Teatro Universitario de Ourense, e Non hai dous sen tres, do grupo francés Les Triples Croches.
22/03/2011