O clítoris é unha parte moi concreta e perfectamente identificable do corpo da muller, dedicado en exclusiva a unha función tamén moi concreta, e moi relevante, como é o pracer sexual. Sen embargo, por cuestións culturais, relixiosas e sociais historicamente sempre estivo rodeado de escurantismo e silencio, ata o punto de que aínda hoxe en día son moitos os homes e as mulleres, de moi diferente idade, os que descoñecen a súa localización e manexo. Para axudar a atallar esta situación, as docentes María Lameiras, Iolanda Rodríguez e María Victoria Carrera elaboraron unha guía didáctica sobre o clítoris e os seus segredos que vén de gañar o I Premio de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero Antonia Ferrín Moreiras, convocado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. O galardón tamén concedeu un accésit á iniciativa Matemáticas en pé de igualdade, da profesora da Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo Amelia Verdejo.
12/09/2013