O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación abriu hoxe as súas portas en Ourense ratificando a firme aposta da Universidade pola transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia, o CITI conta con máis de catro millóns de euros en investimento e 3026,99 m2 de superficie construída para albergar a unha ducia de grupos de investigación do ámbito agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información.
“Unha aposta moi importante centrada na investigación aplicada e que forma parte da nosa principal estratexia, da transferencia do coñecemento”, así definía Gago este novo espazo, polo que se realizou unha visita guiada, na que se amosaron algunhas das súas plantas técnicas, laboratorios e unha sala única na comunidade galega. Un momento, este, “que ratifica e consolida a plena madurez universitaria do campus de Ourense”, remarcaba o conselleiro Jesús Vázquez.
09/10/2009