107 das 241 persoas que integrarán o Claustro da Universidade de Vigo saído das votacións celebradas o pasado 20 de maio, son mulleres. Esta cifra que se traduce nunha porcentaxe do 44%, é a máis alta na historia da institución académica que no curso 1993-1994 contaba con tan só un 25% de mulleres no seu órgano de goberno. O establecemento por parte da Comisión Electoral nas últimas eleccións dun procedemento de voto que fixaba que do número de candidatos ou candidatas que como máximo se podían votar, só un 60% podían pertencer ao mesmo xénero, favoreceu o incremento no número de mulleres que conformarán o Claustro, así como o feito de que as candidatur presentadas, agás no caso do alumnado, contaban cunha destacada presenza de mulleres. Para María Montero, presidenta da Comisión Electoral “tendo en conta que o sistema empregado unicamente promovía, pero non garantía resultados, temos de novo unha mostra do dinamismo da nosa comunidade universitaria que entendeu e compartiu a mensaxe de promover órganos de goberno máis paritarios”.
07/06/2010