Bolsas, emprego, mobilidade e lingua centraron o debate electoral dos candidatos a reitor organizado polos Comités e destinado ao alumnado. O candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, e de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato, tiveron a oportunidade de presentar as liñas estratéxicas do seu programa para un colectivo ao que Cabeza se referiu como “esencia da Universidade” e que Mato cualificou de “eixe fundamental da Universidade”.
Cabeza aproveitou o encontro para facer unha firme defensa dunha Universidade “máis pública e democrática”, capaz de apoiar ao alumnado con maiores dificultades económicas, comprometida co idioma galego, e na que haxa unha forte implicación co “fomento da participación en temas sociais”. Na mesma liña de defensa dos estudantes, Salustiano Mato manifestou a súa “aposta absoluta, total e decidida polo emprego”, ao tempo que salientou a necesidade de seguir potenciando as políticas de mobilidade, de igualdade e de Extensión Universitaria.
10/05/2010