En caso de gran catástrofe, inundacións, incendios, terremotos… as redes de telecomunicacións terreas a miúdo resultan danadas e, no intre no que máis se precisan, deixan de funcionar, intre no que deben entrar en funcionamento os sistemas de emerxencia. Ante estas circunstancias e incluído dentro do Plan Nacional de I+D+i, o Centro de Medidas Electromagnéticas da Armada Española CEMEDEM e o grupo de Sistemas de Radio da Universidade de Vigo están a colaborar nun proxecto de investigación dirixido a mellorar os sistemas de comunicación en situación de emerxencia.
Entre os principais obxectivos do proxecto destaca a necesidade de mellorar as comunicacións entre o satélite e os helicópteros de observación e/ou rescate, “un aspecto que presenta unha especial dificultade debido ao efecto que o rotor do helicóptero introduce no enlace radio”, subliña o catedrático Manuel García Sánchez.
17/10/2012