A nova Lei de Minaría de Galicia foi a verdadeira protagonista da celebración de Santa Bárbara, patroa da ETS de Enxeñeiros de Minas. Unha mesa redonda sobre a normativa reuniu no centro aos representantes do sector, tanto da administración como dos empresarios e os traballadores. Pioneira en España, trátase da primeira lexislación deste tipo que pon en marcha unha Comunidade Autónoma, polo que Galicia se sitúa á vangarda neste campo.
O acto, presidido polo vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Sánchez, contou coa presenza de Anxo Calvo, director xeral de Industria, Enerxía e Minas; Pedro Arias, director da ETSE Minas; José Manuel Álvarez Campana, director técnico da Cámara Mineira de Galicia e Alberto Fernández, representante da GIG. Dende as diferentes perspectivas afondaron no coloquio tanto sobre a nova lei como sobre os efectos da crise sobre o sector mineiro.
04/12/2008