Unha singular instalación escultórica a base de follas secas, obra do artista Paco Peregrino, inaugura este xoves, ás 20.00 horas, o novo curso na programación da Sala X. Con motivo desta cita, o espazo expositivo do campus recreará unha escena case onírica xa que as follas cubrirán o completamente o lugar e delas elevaranse formas humanas que non contan con máis estrutura que a propia acumulación das follas e algunhas mesas e cadeiras, sobre as que se apoian. Trátase dun “diálogo co material”, segundo explica Paco Peregrino, no que derivou “nun momento de crise creativa” cando realizaba o penúltimo ano da carreira. En Caducas, non só a vista, tamén outros sentidos como o olfato, o oído ou o tacto entran en xogo. “O importante xa non só son as formas”, apunta o artista, “tamén o intenso olor ou o cruxido das follas ao camiñar”
08/10/2009