Despois de tres xornadas cheas de actividades científico-tecnolóxicas, Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais e Abel Caballero, alcalde de Vigo, foron os encargados de clausurar a novena edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. “Unha iniciativa que xurde do estudante para o estudante”, remarcaba Area, “onde a Universidade só fai unha achega de recursos, correndo a cargo do alumnado o resto do traballo”. Caballero, pola súa parte, cualificábao como “unha experiencia singular e diferente”.
Todas as empresas viñeron ao foro na procura de talentos con bo expediente académico, iniciativa, creatividade e orientación a obxectivos, habilidades para o traballo en equipo, etc. Unha oportunidade para ambos, empresa e estudante, que nestas xornadas puideron establecer un contacto máis directo e cordial a través de todas as actividades levadas a cabo; unhas relacións que, de seguro, proseguirán nalgúns dos casos.
02/04/2009