Unha das estampas máis felices do verán son os churrascos ao aire libre e acompañados de familiares e/ou amigos. Porén, esta escena non é todo o saudable que puidera parecer a primeira vista. Diversos estudos epidemiolóxicos, explica Jesús Simal, director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, correlacionan un consumo frecuente de carnes afumadas e grelladas con unha alta incidencia de cancro colorrectal. Dado o perigo que significa e tendo en conta o seu consumo estendido, Simal e un grupo de investigadores das universidades de Vigo e Porto veñen de desenvolver un estudo no que demostran como o mariñado da carne con cervexa durante catro horas, especialmente con cervexa negra, consegue reducir ata a metade a formación de compostos con propiedades canceríxenas nas carnes grelladas.
17/06/2014