Como pioneira no uso da tecnoloxía AccessGrid para congresos e reunións a distancia, a Universidade de Vigo acaba de ser designada para acreditar a calidade deste tipo de salas en España. As características das tres coas que conta a institución serán o patrón a seguir polo resto das máis de 20 salas do estado.
O sistema AccessGrid é unha tecnoloxía de telepresenza baseada en software libre, pola que apostan, sobre todo, os organismos públicos, universidades e centros de investigación. A Universidade foi a institución elixida para testear as salas españolas. “Para acadar este nomeamento, a sala do campus de Vigo tivo que pasar uns controles moi exhaustivos xa que vai ser o patrón co que se van confrontar outras salas a nivel nacional”. Segundo Vicente Goyanes, “para nós isto supón un importante recoñecemento de que estivemos apostando por esta tecnoloxía case dende o primeiro momento”.
24/10/2007