Do que agora é un pequeno lago da alta montaña andina do Perú, nun ano poderán saír arredor de 20.000 troitas que axudarán a mellorar os hábitos alimentarios dunha das zonas máis pobres do país sudamericano. Detrás desta iniciativa está o catedrático da ETS de Enxeñaría de Minas, Enrique Orche que, da man da Universidade, Anfaco-Cecopesca e a Xunta de Galicia, foi quen de artellar un proxecto que dera resposta ás necesidades desta comunidade, coa que leva traballando dende hai anos. Esta liña de traballo solidario é, segundo o reitor da Universidade, Salustiano Mato, “un xeito de internacionalizarnos, un dos obxectivos estratéxicos da institución no que levamos incidindo nos últimos dez anos". A piscigranxa instalarase na Lagoa de Parionaccocha de 400 m2, na comunidade campesiña de Santa Bárbara, na rexión de Huancavelica, a 4500 metros de altura.
26/10/2011