Máis de 60 centros educativos de Galicia e Portugal participan na décimo cuarta edición da xornada radiofónica Ponte... nas Ondas! que, desta volta, está centrada na Identidade e Territorio. Dende a ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e, para todo o mundo a través de Internet, os estudantes participaron dunha programación cultural e diversa que ten como finalidade a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial da eurorrexión.
Actuacións musicais, contacontos, entrevistas e relatorios sucedéronse ao longo de 24 horas de radio nunha xornada intensa na que os estudantes fixeron unha posta en común das súas iniciativas en prol da dignificación da cultura común de Galicia e Portugal. Un grupo de alumnos dos centros participantes tomou os micrófonos para converterse durante un día en locutores de radio e a estrea incluíu entrevistas ás conselleiras de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Mª Xosé Caride e a de Vivenda e Solo, Teresa Táboas.
06/06/2008