78 alumnos, 5 alumnas e 16 docentes en plantel son os principais números que marcan a posta en marcha do Centro Universitario da Defensa, adscrito á Universidade de Vigo e inaugurado esta mañá na Escola Naval Militar de Marín pola subsecretaria de Defensa, Mª Victoria San José, que estivo acompañada polo director do centro, o profesor da Universidade, José María Pousada, e polo capitán de navío comandante-director da Escola Naval, Marcial Gamboa, entre outras autoridades.
A inauguración do Centro Universitario da Defensa marca un antes e un despois na historia da escola, xa que por primeira vez se aplicará o novo plan de carreira para os alumnos e alumnas de primeiro curso pertencentes aos corpos Xeral e Infantería de Mariña. Eles serán os primeiros que, unha vez superados os seus estudos, recibirán ademais da titulación propia de Oficial de Mariña unha segunda titulación de Grao en Enxeñería Mecánica.
07/09/2010