Dende deseño de sensores con maior fiabilidade para a detección de enfermidades en etapas moi temperáns ata a creación de novos sistemas para transporte de fármacos dunha forma máis eficiente e selectiva, son algúns dos campos de traballo dos investigadores en nanomedicina, unha ciencia na que en Galicia temos varios grupos considerados de excelencia, dous deles nesta Universidade. Os vindeiros 5 e 6 de novembro reuniranse en Vigo na I Xornada Galega de Investigación en Nanomedicina, organizada polo grupo de Química Coloidal, e na que se darán a coñecer os traballos dos grupos de investigación pertencentes á Rede Galega de Nanomedicina.
O obxectivo deste encontro é, ademais de contribuír ao coñecemento mutuo dos proxectos que están a levar a cabo, dar a coñecer á sociedade “o importante esforzo que se está facendo a nivel galego en contribuír a estas técnicas tan novidosas”, explica o profesor Luis Liz, coordinador da xornada.
23/10/2008