A competitividade do mercado global e o reto de superar a actual crise financeira obrigan a moitos empresarios a reformular os seus proxectos e modernizar as súas estruturas de xestión. Neste contexto, a comunicación como un activo estratéxico ao servizo da empresa foi o tema que Jesús Pérez Seoane analizou na súa tese de doutoramento, Estratexias de comunicación da industria téxtil galega, que recolle “a xestión comunicativa que fan actualmente as compañías galegas do sector téxtil”. A diagnose é clara: existe unha elevada conciencia da importancia da comunicación como ferramenta pero este convencemento non deriva nun aplicación práctica. A tese do director da Área de Comunicación da Universidade de Vigo, reúne as opinións dun grupo de expertos sobre o uso estratéxico da comunicación e da marca por parte das 17 principais compañías de deseño de moda de Galicia. Purificación García, Adolfo Domínguez, Selmark, Gealfer, Pili Carrera, Roberto Verino ou Bimba y Lola son algunhas das firmas que aparecen no traballo. Empresas que, na súa maioría, “xurdiron do movemento Galicia Moda e que nos últimos 25 anos conseguiron situarse á vangarda da moda española e traspasar fronteiras nacionais”.
06/07/2009