Mentres a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia dá os seus primeiros pasos, ano e medio despois da súa aprobación, son moitas as dificultades que seguen a rodear a súa posta en marcha. No caso de Galicia, a problemática, ata o de agora oculta, vese agravada polas súas características de avellentamento da poboación e reparto xeográfico, o que dificulta enormemente realizar unha estimación do número real de dependentes. Coa finalidade de afondar nesta cuestión o grupo de investigación Séniors da Universidade de Vigo, composto por Manuel González, Lucía González, Rafael Rodríguez e Carmen Tellado, vén de presentar o libro A Dependencia en Galicia, que recolle un informe sobre a distribución territorial e as características sociosanitarias destas persoas.
Publicado grazas ao financiamento da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense, o estudo será distribuído en todos os centros de saúde ourensáns.
07/10/2008