Tras oito anos de maioría absoluta á fronte da Xunta de Persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Vigo, a CIG perdeu hoxe esta condición, aínda que se mantén como o sindicato máis votado. A formación encabezada por ata o de agora presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, acadou na xornada electoral celebrada hoxe nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, seis delegados (un menos que en 2006), fronte aos tres de UGT (un máis que hai catro anos) e os dous de CCOO que mantén a súa representación. Pola súa banda o sindicato CSI-CSIF que concorría por primeira vez ao proceso electoral acadou dous delegados dos 13 totais que conformarán a nova Xunta de Persoal . A participación acadou un 78,04%, case un 5% máis que no proceso electoral celebrado hai catro anos.
21/04/2010