Un total de 48 bandeiras dos cinco continentes, portadas polos representantes de cada nación, desfilaron este mércores polo tatami do pavillón das Travesas como acto de apertura do XI Mundial Universitario de Taekwondo, no que a competición deportiva tivo a súa posta de largo.
Na cerimonia de inauguración, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, deu a benvida aos participantes e subliñou a implicación de Concello e Universidade no fomento da práctica deportiva, definíndoa como “unha cidade que ama e vive o deporte" e lembrando tamén a recente celebración do Forum FISU en Vigo. Pola súa banda, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, salientou a alta participación que o converte no mundial máis numeroso da súa historia con 600 deportistas, aos que convidou a “gozar de Galicia”.
30/06/2010