Juan Francisco Gálvez asegura que cando tomou posesión como vicerreitor do campus de Ourense, en xuño do ano 2006, a ilusión e a responsabilidade pesaban moito máis que o medo ao cargo. Neste tempo asumiu como prioritarias as relacións coas institucións da cidade, “que ven no noso campus un elemento fundamental para o desenvolvemento da nosa provincia” e prestou moito apoio ao teatro que, segundo di, “fixo que o noso campus fose recoñecido en todo o mundo”. Gálvez saborea agora os últimos días no cargo coa vista posta no proxecto A Porta de Galicia, “a nosa aposta pola comunidade universitaria e polos ourensáns” e prepara xa a súa volta á docencia e á investigación. Non lle gusta dar consellos pero sinala que se tivera que dar un a súa sucesora no cargo, María Lameiras, “ese sería o que me deron a min: que sexa fiel a si mesma”.
08/06/2010