A zona do Alto Támega, que abrangue Laza, Monterrei, Verín, Oímbra e Castrelo do Val, ten para os arqueólogos un interese especial. Debido á súa configuración xeográfica, marcada entre outros factores por un río que é afluente do Douro, estivo poboada durante a prehistoria recente e desa ocupación aínda se conservan manifestacións rupestres. A pesar desta relevancia, é un enclave practicamente sen estudar. Co obxectivo de emendar esta situación, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolverá este verán o proxecto Alto Támega: Accións na Paisaxe Patrimonial. “Chegou a hora de pór no mapa da arqueoloxía e da historia galega este enclave tan singular”, destaca Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense.
09/07/2013