Presentáronse máis de 1000 traballos, pero a calidade e a innovación con selo vigués fíxose cun dos catro premios que outorga a Conferencia Europea de Antenas e Propagación, EuCAP 2013, que se celebrou en Goteborg, Suecia, entre o 8 e o 12 de abril. O deseño de antenas para a detección a distancia de armas e explosivos creado polos profesores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e membros de AtlantTIC, Antonio García Pino, Óscar Rubiños e o investigador Borja González Valdés, foi seleccionado polos expertos participantes neste congreso como Best Antena Desing Award, a mellor proposta de deseño de antenas. Como explica García Pino, “o artigo premiado presenta un sistema de radar de imaxe na banda de Terahercios, ideado para aplicacións de seguridade, xa que estas ondas electromagnéticas teñen capacidade de penetración nas prendas de vestir e permiten a detección de armas ou explosivos”.
26/04/2013